MUDÁMONOS!

•27/07/2012 • Deixar un comentario

Queridas lectoras, queridos lectores, após máis dun ano escribindo en galego sobre o Linux, o software libre e outras cousas relacionadas, recibimos unha suculenta oferta que puidemos mais non quixemos rexeitar: a xente de Blogaliza púxose en contacto connosco e ofrecéronnos mudar o blogue á súa páxina. Foi tanta a súa amabilidade que non se nos ocorreu a dicir que non (graciñas pola oferta, rapaces).

O novo enderezo é este:

http://linuxgalego.blogaliza.org

 

Como veredes polo nome e o deseño do novo blogue, son unha persoa de costumes ben asentados. A verdade é que non había razón para mudar demasiado nin un nin o outro. Todas as ligazóns están máis ou menos no mesmo sitio, para nos nos perder. Agora só me falta ir agregando artigos (e que vós fagades os vosos comentarios).

Un saúdo.

openSUSO

Os praceres da diáspora

•27/06/2012 • Deixar un comentario

Hai vida fóra do facebook? Hai, non vai haber. É unha vida mellor ou peor? Potencialmente, é mellor; mais por agora solitaria. Onde está esa vida? Na diáspora. E como chega un a ela? Non é difícil, mais tampouco non é moi fácil: unha busca no google talvez dea resultados contraditorios, mais se tivermos paciencia chegaremos a un enderezo en que non nos fagan perder tempo (noutros, disque, farannos agardar meses).

Mais antes de preguntardes: de que fala este tolo?, e de vos impacientardes pola falta de ligazóns (si, xa sei que a tentación de picardes aquí e alá é moi forte, acougade un pouco e continuade coa lectura),  vóuvolo explicar todo (ben TODO TODO, como en quen está a roubar o queixo que a todos pertence, non; mais todo o que considero relevante para un blogue como este, si).

 

Diaspora é dúas cousas (mais as dúas sen acento e cun asterisco ao final), e á vez só unha: un software libre que permite a creación de redes sociais descentralizadas, e unha rede social semellante ao facebook criada con ese software (por tanto aberta e descentralizada). Diaspora está en probas, mais un xa pode entras e rexistrarse na súa páxina (ou nunha delas: ao non estar centralizada, a rede ten varias vías de acceso; nalgunhas hai lista de agarda; mais nesta que vos dous eu, non). Só precidades escoller un nome (ou alcuño, en Diaspora non teñen ningunha norma contra iso); un enderezo electrónico (pode ser falso, tampouco lles importa) e unha chave.

Cales son as vantaxes? Para o usuario corrente, talvez só haxa unha: Diaspora non pertence a ninguén, non a controla ninguén en concreto, ninguén pode apañar datos dos usuarios para vendelos a empresas de publicidade ou para llelos dar aos gobernos. Diáspora é unha rede aberta, libre, que respecta as persoas que entran nela.

Cales son os inconvenientes? Diaspora non ten bos asesores de imaxe (canta xente coñecía Diaspora antes de ler este texto? Vamos, erguede as mans!), nin moitas usuarias aínda (menos de 400.000 contas rexistradas, en comparanza cos 500 millóns que seica ten o facebook).

Podedes rexistrarvos, é gratis e non tendes de usar os vosos datos verdadeiros. Podedes dar unha ollada á páxina, podedes escoller o idioma (no menú que sae ao picardes no asterisco de arriba á dereita, indo a configuración), podedes pór unha foto curriña e saudar a xente (hai unha “onda” pública, seguro que recibides saudacións dos que lean o voso comentario).

(autor: openSUSO)

Non perdedes nada por probar, nin por falardes ás vosas amigas do sitio. Talvez aínda haxa esperanza.

Un saúdo

Como encontrar imaxes e outros ficheiros con licenzas libres

•30/05/2012 • Deixar un comentario

Cando comecei con este blogue, unha das primeiras cousas que fixen foi escoller unha imaxe para a cabeceira. Quería que fose de pingüíns, e prefería que fose unha foto, non un debuxo. Mais como eu non adoito viaxar moito ao polo, non tiña ningunha feita por min. A alternativa era tomar unha da internet, e, para facelo, quería que estivese protexida por unha licenza libre — se fose posible, que permitise modificacións para poder adaptar o tamaño e as cores.

Foi pedir a imaxe, e a xenerosa mai internética proveu en abundancia. Como? A través dos buscadores de ficheiros con licenzas libres. Estes son dous dos máis comúns: o de wikimedia commons (de onde acabei tirando a imaxe dos pingüíns medio birollos) e o de creative commons (fonte de ficheiros case inesgotable; pódense filtrar segundo as restricións de uso que teñan; inclúe o buscador anterior).

O único que tendes de facer para as usar e facer mención dos créditos correspondentes.

Como vedes, é moi fácil reutilizar contidos abertos nas vosas propias creacións.

Un saúdo.

Liberado o Ubuntu Precise Pangolin (12.04 LTS)

•07/05/2012 • Deixar un comentario

Como cada ano par nesta altura, desde hai xa algúns anos, o mundo de Linux e o software libre é testemuña do nacemento dunha nova versión do Ubuntu con actualizacións e asistencia técnica prolongada (long term support ou LTS). Nesta ocasión o nome chave da versión é Precise Pangolin — pangolín preciso (carafio cos nomes!). Entre as características técnicas máis sinaladas están as seguintes:

– Novo kernel, aínda con mellor compatibilidade co hardware dispoñible (por exemplo no ámbito dos touchpad).

– Novas versións dos aplicativos máis coñecidos (LibreOffice, Firefox, Thunderbird etc.)

– A volta de Rhythmbox como reprodutor de música (xa sabedes que sempre o podedes substituír por outro con pouco máis de dous cliques; eu fico contento con Rhythmbox).

– Melloramentos en Unity (perdoade o comentario: se é que se pode mellorar) e no centro de software (sempre útil para instalarmos Synaptic).

– Novos temas, case idénticos aos precedentes (é unha pena).

Esta é páxina de descarga da nova versión, integramente traducida ao galego. Eu non volo vou negar, desde que Ubuntu decidiu introducir Unity, non incluír Synaptic e mover os botóns das xanelas, deixei de usalo. Felizmente, a base do sistema é robusta como un penedo, e as alternativas baseadas nesa base non son poucas (ah, as vantaxes do software libre!).

Se o que quixerdes é un espazo de traballo máis clásico, a solución máis simple dentro de Ubuntu é instalar a sesión alternativa de Gnome (sesión retro, poderiamos dicir, polo seu parecido coa de Gnome 2). Abrimos o terminal e colamos (a partir de sudo):

$ sudo apt-get install gnome-session-fallback

Cerramos a sesión ou reiniciamos, e, na pantalla que deixa escoller o usuario, escollemos a sesión recén instalada. Inserimos a nosa chave, e xa podemos esquecer Unity polo menos por un tempo.

Se preferirdes Gnome Shell, que eu acho bastante usable após a instalación dunhas cantas extensións (alternative status menu, quit button, alternate tab, window icon list, entre outras), podedes descargar Ubuntu Gnome Shell Remix.

Os máis clásicos sempre teremos os irmáns conservadores de Ubuntu (con ambientes de escritorio como os de toda a vida, máis ou menos): Kubuntu, Xubuntu (o meu preferido) e Lubuntu (o máis lixeiro). Alén destes, están os coirmáns máis especializados: Mythbuntu (para entretemento multimedia), Edubuntu, (cunha orientación máis educativa, ideal para os cativos), Ubuntu Studio (para a creación dixital). Xa vedes que a familia *buntu é larga abondo! Espero non esquecer ningún membro.

Lembrade, todas estas distribucións teñen actualizacións e asistencia prolongada, isto é, durante cinco anos (tanto para servidores como, a partir da presente versión, para instalacións de escritorio).

Que aínda non probastes nigún *buntu? Non tendes perdón🙂

Un saúdo.

Calligra, outra alternativa ao Office de MS

•12/04/2012 • Deixar un comentario

Acaba de facerse o anuncio de que xa se pode descargar a nova versión estable de Calligra. Iso significa que de aquí a pouco estará nos repositorios das distribucións de Linux máis importantes. Para quen non o souber, Calligra é unha bifurcación de KOffice, a suite ofimática vinculada ao ambiente de traballo KDE e xa medio abandonada (máis información no artigo da Wikipedia). Como resultado deses vínculos, tanto KOffice como Calligra ofrecen unha integración visual moito mellor en KDE.

(Words)

Entre os programas que integran a suite, cómpre destacar:

– Words, o procesador de textos;

– Sheets, o programa de follas de cálculo;

– Stage, para presentacións;

– Krita, para crear e editar imaxes en mapa de bits;

– Karbon, para imaxes vectoriais.

Á parte do aspecto visual e da interface, cuxa barra lateral tenta –como se ve na imaxe que achego– tirar o máximo proveito das pantallas panorámicas actuais, as características máis notables de Calligra son a súa rapidez en comparanza con outras suites ofimáticas, e a compatibilidade con Open/LibreOffice (grazas ao uso do formato aberto ODT) e co Office de MS.

Non sei a vós, a min paréceme unha alternativa moi atraente.

Un saúdo.

Curso de localización de software libre na USC

•28/03/2012 • Deixar un comentario

Un apuntamento rápido: a USC abriu o período de matrícula para o IV Fiadeiro de tradución de software libre. Tendes até o 15 de abril. O curso estará dividido en tres xornadas, e terá unha parte teórica inicial introdutoria e unha parte práctica. Haberá mesmo premios para as mellores localizadoras!

Máis información, aquí.

Saudacións.

ED. Esquecera aclarar que o curso é gratuíto.

Nunca esquezas a configuración do teu navegador web (Firefox e Chrome/Chromium)

•22/03/2012 • Deixar un comentario

Para quen usarmos diferentes computadores ao longo do día e mesmo learmos un navegador portable no noso lapis USB, mantermos as configuracións iguais en todos os navegadores pode ser unha grande vantaxe. Tamén será moi útil cando fixermos novas instalacións de sistema  operativo. Afortunadamente, nos dous navegadores web máis populares, Firefox e Chrome/Chromium, non é difícil logralo.

En Firefox, a sincronización é un servizo anteriormente fornecido por extensións independentes, por exemplo Foxmarks/Xmarks (só para marcadores) e Firofox Sync. Precisamente a partir deste se desenvolveu a ferramenta xa integrada nas versións máis recentes do propio navegador. Con ela podemos gardar e sincronizar non só os favoritos senón tamén as as extensións que usemos habitualmente e as chaves dos sitios que as precisaren (non recomendo gardalas se fordes usar computadores que non son vosos ou un pincho, que sempre se pode perder). Para usar a sincronización, só cómpre seguirmos esta rota nos menús:

Editar > Preferencias > Sync > Configurar > Crear nova conta

Inserimos os nosos datos e vamos a Opcións de configuración (na mesma xanela, abaixo á esquerda). Aí marcamos os datos que queremos conservar e sincronizar en todos os navegadores Firefox que vaiamos usar.

(autor: openSUSO)

Agora só fai falta copiarmos os datos da conta (importante para podermos usala noutros equipos) e irmos aceptando/avanzando cantas veces for preciso. As nosas configuracións irán directamente ao servidor de Mozilla. Para ligarmos outro Firefox a esa conta e así compartillarmos os mesmos datos, seguimos a mesma rota nos menús:

Editar > Preferencias > Sync > Configurar >Asociar un dispositivo

Inserimos a nosa identificación con todos os datos que copiamos antes e, en moi pouco tempo, todas as configuracións que tiñamos no dispositivo orixinal aparecerán tamén neste (e viceversa, a partir deste momento).

Este proceso podemos facelo en cantos navegadores quixermos.

Para Chrome/Chromium, o proceso quizá sexa aínda máis simple, mais precisamos unha conta de Google (p. ex., de Gmail):

Menú de configuración > Preferencias > Persoal > Iniciar sesión

Ao comezo podemos crear a conta de configuración coa nosa conta de Google. E en Configuración avanzada podemos escoller, como en Firefox, que datos queremos gardar e sincronizar. A partir deste momento, en calquera outro navegador Chrome/Chromium apenas é necesario irmos ao mesmo sitio nos menús e escribirmos a nosa conta de Google. A sincronización non debería demorar moito.

Espero que este pequeno consello vos veña tan ben como a min.

Un saúdo.

 
Seguir

Recibe aviso de cada artigo novo no teu correo electrónico.

%d bloggers like this: