Benvidos!

Comezarei polo comezo.

O primeiro computador que entrou na miña casa (na de meus pais, quero dicir) traía preintalada a versión máis recente e máis innovadora do máis famoso sistema operativo do mundo. A máquina tiña un potentísimo procesador Pentium I. Non lembro nin a capacidade do disco duro nin da memoria, pero sei que non tiña CD-ROM (papá, iso foi un erro), e que nel o W.indows 95 corría como un demo, ou iso cría eu daquela. Eu xa estaba na universidade, e grazas ao MS Of.fice a presentación dos meus traballos mellorou moito (as que non melloraran nadiña foron as miñas habilidades mecanográficas, porque os traballos mos pasaba meu pai a limpo).

Logo descubrín a internet, na facultade, e as velocidades eran de vertixe tamén. Co diñeiro aforrado da miña primeira bolsa de doutoramento comprei un portátil. Só tiña un Pentium III, 20 GB de disco duro e 256 MB de RAM. Viña, pouco sorprendentemente na época, co W.indows XP. Supoño que debido á súa má calidade (porque non era dos máis caros, antes ao contrario) ou ao meu trato neglixente, o equipo comezo a ir máis lento e a fallar sen motivo claro. Cambiei algúns programas (descarguei un antivirus máis lixeiro, comecei a usar Openoffice.org, abandonei o Internet Explorer e paseime ao Firefox, adoptei o VLC), limpei o rexistro, desfragmentei o sistema, reinstaleino, orei, pero os problemas nunca se solucionaron totalmente.

Despois dalgúns anos comprei outro portátil, o que aínda teño agora. Foi máis barato e ten moita máis potencia que o outro (nisto as cousas melloraron). Non chega aos tres anos, e anda moi ben. Cando o comprei traía preinstalada a penúltima versión dun dos sistemas operativos máis problemáticos do mundo (hai sen dúbida outros máis problemáticos, pero aínda están sen rematar). Mesmo cun Core 2 T7200 e 2 GB de RAM, o W.indows V.ista non se apuraba moito. Un pouco farto dos problemas que me daba, substituíno polo vello W.indows XP. Aínda que me custou achar os controladores adecuados, cando o instalei e configurei ao meu gusto sentín un grande alivio, a verdade.

O malo para W.indows é que, mentres facía esas cousas, tamén me dera por investigar alternativas. Un día lin un artigo sobre o uso doméstico de GNU/Linux (ou Linux, como é coñecido informalmente o fillo de Richard M. Stallman e Linus Torvalds). Aprendín que era unha distribución, cantas había, como se chamaban (qué nomes!: Debian, Fedora, OpenSUSE, Ubuntu, Mandriva…), cales eran as súas características. A cousa que máis me chamou a atención foi a case absoluta ausencia de virus (eu xa sabía que iso acontecía tamén cos equipos de Apple, mais non me gustaba a idea de pagar máis por algo que facía o mesmo que W.indows, aínda que fose un chisco mellor), e, sobre todo,o mellor aproveitamento do hardware. Igualiño ao Vista! Aínda lembro as miñas experiencias cun CD de Ubuntu 8.04 e, pouco despois, 8.10. Até as cores marróns me pareceron bonitas! Ao primeiro, instaleino dentro de W.indows, con Wubi. Despois de aprender a facer particións, instaleinos un a carón do outro. Entón descubrín Linux Mint, un derivado de Ubuntu. Mint é unha distribución rápida -aínda que non a máis rápida- e, como todas as distribucións, segura. Tamén é moi elegante, moi estable e moi fácil de usar (talvez máis que Ubuntu). Con Mint podo ver as películas que vía antes con W.indows, escoitar a música que escoitaba antes, navegar pola rede como navegaba antes, pero todo máis lixeiro, máis cómodo, máis libre (aínda que non de todo, porque dependo en parte dos códecs chamados “privativos”). E así continúo, namorado de Linux a pesar dos seus defectos. Un deles é a falta de compatibilidade co micrófono e coa cámara do portátil. Alguén dirá que a culpa é dos pérfidos fabricantes, mais eu son un usuario doméstico de Linux, non un fabricante de compoñentes informáticos. En W.indows o problema soluciónase cos controladores adecuados. En Linux non o podo solucionar (ou non cos meus coñecementos). Por iso continúo a ter o W.indows XP instalado, aínda que xa case non o use.

Como son unha persoa curiosa, non tardei moito en aprender a usar VirtualBox. Afeccioneime a instalar diferentes distribucións (e mesmo outros sistemas como Haiku). Neste último ano fedellei con Trisquel, Xubuntu, Mandriva, Fedora, OpenSUSE, SimplyMEPIS, Pardus, Crunchbang Linux, Salix OS, e algunha outra máis (entre elas, moi brevemente, Debian: que pesadelo!). No proceso descubrín algunhas preferencias persoais: gústanme Gnome e Xfce; prefiro -aínda que non sei ben por que- os sistemas que traballan con DEB (Debian e derivados) antes que os de RPM (Red Hat/Fedora, SUSE/openSUSE e derivados); gústame como se ven as fontes en Ubuntu e derivados; quero simplicidade e facilidade de uso; síntome máis cómodo usando menús e iconas que coa consola/terminal, aínda que para algunhas cousas, como limpar o sistema, úsoa coas instrucións que copiei dalgún foro ou blogue.

Espero aprender máis, con paciencia, e ir pondo os meus descubrimentos aquí. Tamén espero aprender moito, de informática e doutras cosas, convosco.

Grazas pola vosa paciencia.

Un saúdo.

openSUSO

Advertisements

~ por opensuso o 09/08/2010.

2 Respostas to “Benvidos!”

  1. Ánimo, colega!
    Para software libre en galego a primeira cousa que se me pasa pola cabeza é
    http://www.mancomun.org/
    http://www.mancomun.org/descargarprogramas/produtosestrela/#
    Hai moito máis. Pouco a pouco.

    • Ola, creo que es a primeira persoa (á parte dalgún coñecido) que se pasa por aquí. Moitas grazas polo teu comentario.
      Xa coñecía a iniciativa de Mancomún. A verdade é que están a facer un labor bastante bo, aínda que ultimamente a súa traxectoria non me agrada moito, por dous motivos: a adaptación de Ubuntu ao galego baixo a denominación de Galinux, cando xa existía outra distribución galega con ese nome (e eles debíano saber ben); a súa privatización a mans do actual goberno da Xunta. Supoño que o segundo punto non é responsabilidade deles, mais, non te vou enganar, non me fai graza.
      Un saúdo

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

 
%d bloggers like this: