A lea do Linux en Galicia

Unha das primeiras cousas que sorprenden a quen dá os seus primeiros pasos con Linux é a gran variedade de sabores -e cores- dispoñíbles. Detrás do nome e logotipo de cada distribución (Ubuntu, Debian, Mandriva, por exemplo) acóchanse diferentes contornos de escritorio (Gnome, Xfce e KDE), formatos de paquetes (DEB, RPM), xestores de paquetes (Aptitude, Synaptic, Yum), e moitos programas diferentes con funcións moi semellantes (navegadores de internet, reprodutores de música e vídeo, xestores de imaxes, procesadores de texto, por mencionar só os máis usados). A situación complícase cando pensamos que hai distribucións cunha orientación xeral (as máis grandes e populares aspiran a chegaren a todos os públicos) e distribucións para grupos máis restrinxidos (para musulmáns, para cristiáns, para satánicos, para afeccionados á música, aos videoxogos, a Hannah Montana). E o panorama vóltase menos claro aínda se temos en conta a existencia de distribucións cun afán internacional (as máis grandes e populares, novamente), traducidas a moitos idiomas, e outras distribucións destinadas a comunidades lingüísticas ou xeográficas máis específicas. Así, hainas para usuarios árabes, rusos, indonesios, portugueses e, tamén, galegos.

Para os galegos, de feito, hai máis dunha opción. Destacan tres (talvez houbese outras antes e agora, mais eu non as coñezo); ben, máis exactamente, dúas, porque a terceira só é unha tradución (cun nome xa usado por outra) dunha distribución que xa existía (e que xa tiña tradución ao galego!). Son, por orde de aparecemento: Galinux (a orixinal), Trisquel e Galinux (a pseudo-distribución que copiu o nome á primeira).

Galinux foi desenvolvida entre 2006 e 2007 como unha derivación de Slax (que á súa vez procede da venerable Slackware). Trisquel, unha das poucas distribucións 100% libres do mundo, xurdiu tamén por esas datas por iniciativa da Universidade de Vigo, e está construída sobre Ubuntu. Galinux (a outra) apareceu a finais de 2008 por obra e graza da Xunta de Galicia e a organización -daquela pública- Mancomún; a súa base foi unha versión de Ubuntu con asistencia a longo prazo (a 8.10, coñecida como Intrepid Ibex).

Os obxectivos das tres distribucións non son, naturalmente, os mesmos. A primeira declárase orientada ao ensino, aínda que, polo que sei, non inclúa nin un procesador de textos!

Galinux (Slax)

A segunda quere chegar a todos os que estean interesados na liberdade informática absoluta (segundo os principios da Free Software Foundation, fundada polo ínclito Richard M. Stallman); ao estar construída sobre Ubuntu, ten unha ampla gama de paquetes, mais sen as partes “privativas” (iso pode dar problemas de detección de hardware, que é o que me acontece a min coa conexión wifi, a cámara e o micrófono do portátil).

Trisquel (autor: openSUSO)

A terceira estaba destinada ao público xeral, con especial énfase nas empresas (e supoño que tamén no ensino público, aínda que a Xunta non fixese, que eu saiba, grandes esforzos por implantala nas aulas dos centros educativos). (A verdade é que a existencia desta última non ten moita explicación, dada a existencia de Ubuntu, á parte de motivos meramente publicitarios ou directamente espurios; e non son o único que pensa así.)

Ficou claro? Espero que si.

openSUSO

Advertisements

~ por opensuso o 12/08/2010.

5 Respostas to “A lea do Linux en Galicia”

  1. Gracias polo artigo. Está moi ben dar a coñecer estas historias. Lembro os foros nos que se discutía que era Galinux se xa existía Galinux, pero daquela todo isto dos “sabores” de GNU-Linux era novo para min.
    O de facer unha distribución que non aporta nada novo a Ubuntu 8.04 foi un asunto de propaganda, iso é evidente. O de roubar o nome debeu ser tamén un asunto de propaganda, pero da máis porca (iso ao que moitos se refiren can din a palabra “política”).
    O que non sabía é que viña sen OpenOffice incorporado, iso si que é estraño e absurdo.

    • Ola de novo! Graciñas polo teu seguimento, anima bastante ver que hai polo menos un lector ao outro lado da pantalla (haber hai algúns máis, pero non se animan a comentar).
      Con respecto á falta de procesador de textos en Galinux-Slax, a verdade é que non o comprobei por min mesmo (o dato atopeino nunha das ligazóns que incluín no artigo). É unha distribución que se pode instalar nun lapis de memoria, como Live-CD e mesmo desde dentro de Windows (na súa páxina falan tamñén dun instalador universal, pero non sei a que se refiren: á instalación de toda a vida?). Normalmente distribucións así próboas en VirtualBox, pero non sei se poderei facelo con esta; tampouco teño ningún lapis libre nin uso Windows, así que terei que tentalo co Live-CD. Desde que o faga xa poderei falar con máis coñecemento de causa.
      Acabo de descubrir outras dúas distribucións galegas. Quen ía pensar que tiñamos tantas. Nunha entrada próxima falarei un pouco delas.

  2. Moi boas!

    Os que facíamos Galinux-Slax deixamos de desenvolvelo co xurdimento do novo Galinux-Ubuntu pero aínda así, gostaríame aclarar que non íamos facer algo para o ensino sen procesador de texto!

    Galinux-Slax non ven con ningún procesador para alixeirar as descargas, pero tes para escoller OpenOffice, a suite Koffice e Abiword, todos en galego e co seu corrector engadido. Só tes que ir a galinux.org > modulos (pquetes) > oficina e baixas calquera deles; logo fas clic no arquivo descargado, aceptar, e xa o tes instalado.

    A versión instalable sobre XP foi a única con todos eles na propia descarga. Pero aínda así, o que sexa que necesitases, o descargas en c:/galinux/base e xa o tes instalado definitivamente.

    Apertas

    • Aclarado entón. A verdade é que non tivera oportunidade de probar o voso sistema, e a información que tiña con respecto a Openoffice.org era un pouco confusa.
      É unha mágoa que non continuedes a desenvolver o Galinux-Slax, xa vedes en que acabou o Galinux-Ubuntu da Xunta 😦

    • Non fora só pola chegaba do novo Galinux, é que o mesmo futuro de Slackware/Slax semellaba algo incierto. E non pagaba a pena tanto esforzo para tan poucos usuarios, que ademáis serían temporais porque a filosofía era achegar o soft libre á xente do ensino do xeito máis amistoso posible, sabendo que Galinux-Slax non sería a súa distro habitual no longo prazo.

      O mellor foi que polo camiño aprendemos moitísimo, atopamos xente estupenda e deixamos feitas algunhas traduccións e pequenas aplicacións válidas para calquera distro, todo nun repositorio/depósito que agora mesmo ten moitas outras cousas ademáis da nosa distro.

      Saúdos.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

 
%d bloggers like this: