Unha limpeza rápida do sistema

Entre as vantaxes que Linux ten sobre Windows, unha das que máis aprecio e o feito de o sistema non se ralentizar co paso do tempo. Non importan cantos programas instaledes e desinstaledes, Linux vai arrancar igual de rápido que cando o intalastes. Iso non significa, porén, que algunhas veces non conveña facer unha pequena limpeza: non para gañar velocidade, senón para recuperar espazo no disco duro sen desinstalar ningún programa que realmente usemos.

Para iso está unha pequena ferramenta, deborphan, que identifica e desinstala paquetes orfos (isto é, os paquetes que quedan no sistema tras desistalarmos os programas de que dependían). Para os que nos asustamos con facilidade no terminal, tamén convén instalar a súa interface gráfica, gtkorphan.

A última versión de GtkOrphan (autor: openSUSO)

En Ubuntu/Mint/Trisquel, a instalación pode facerse a través de Synaptic ou do terminal:

$ sudo apt-get install deborphan gtkorphan

Cando acabedes, aparecerá unha nova entrada no voso menú:

Sistema > Administración > Remove orphaned packages

IMPORTANTE: desde que esteades dentro de Gtkorphan, se non sabedes o que estades a facer, non fedelledes na aba que di Non-orphaned packages! Poderiades desinstalar programas que si necesitades.

Agora o que tedes de facer é seleccionar os paquetes orfos e premer en Aceptar:

GtkOrphan listo para actuar

(A foto non é miña porque fun tan parvo que me librei dos paquetes orfos antes de escribir o artigo.)

A limpeza non debería levar moito. O programa non está traducido ao galego; mais como non cómpre facer outra cousa que seleccionar e aceptar, non hai problema.

Para os que quixerdes unha purga máis a fondo, podedes probar esta cadea de comandos no terminal (aínda que na miña experiencia sexa inofensiva, debedes usala baixo a vosa exclusiva responsabilidade):

$ sudo deborphan | xargs sudo apt-get -y remove –purge && sudo deborphan –guess-data | sudo apt-get autoremove; sudo deborphan –guess-all | xargs sudo apt-get -y purge; sudo apt-get autoclean; sudo rm -v /var/log/*.gz

(Ao copiardes seguramente vos aparezan algunhas raias longas antes de purge e guess; na realidade deben ser dous trazos curtos.)

Como eu non son ningún experto, talvez haxa algunha parte redundante, pero non vai afectar o resultado. A partir deste momento, o único que hai que facer é aceptardes cando volo pida.

En poucos segundos recuperaredes algúns (ou moitos) MBs do voso disco duro, para que poidades descargar máis música e vídeos.

openSUSO

Advertisements

~ por opensuso o 24/08/2010.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

 
%d bloggers like this: