Visita páxinas estranxeiras a través dun Proxy

Unha das cousas que máis me gustan da internet é a posibilidade de visitar sitios de todo o mundo, ao redor dos cales se xunta xente de diferentes culturas, con diferentes coñecementos e puntos de vista, e a miúdo con diferentes linguas (non todo na rede é galego!). Ao contrario, o que máis me amola -xunto coa publicidade- é que algunhas páxinas son de acceso restrinxido para os usuarios de determinados países. Estou pensando, por exemplo, no servizo de televisión (en diferido) da BBC, que só se pode usar con IPs do Reino Unido, e na páxina de música (para min máis cómoda que Spotify) Pandora, que só está dispoñible para os Estados Unidos.

Para solucionar este problema están os proxies, servidores de procuración, a través dos cales podemos adoptar IPs diferentes da nosa propia, mesmo doutros países.

Como se usan os proxies? O método máis cómodo, a curto prazo, é procurar unha páxina que che ofreza esas IPs directamente: Proxy.org é unha delas: só tedes de inserir, arriba á dereita, o enderezo que quixerdes visitar e escoller un proxy da lista de embaixo. Moi cómodo… e pouco eficaz: a metade dos proxies non funciona, a navegación cos que funcionan ralentízase moito, e algúns dos compoñentes das páxinas (os que dependen de Flash e Java, por exemplo) non se mostran.  O mesmo acontece se usamos o servizo do buscador  Ixquick (facemos a busca, e cando nos aparece a listaxe de resultados, podemos ver que a carón do enderezo de cada páxina se nos dá a oportunidade de visitala a través dun proxy).

O método máis efectivo, isto é, máis cómodo a longo prazo, é usar un complemento para o noso navegador. A seguir explicareivos como facelo con FoxyProxy para Firefox.

1. Instalamos a extensión FoxyProxy (Standard) ou FoxyProxy Basic (as instrucións que seguen van ser para o segundo). Após reiniciarmos o navegador, no canto de abaixo á dereita hannos aparecer unha mensaxe vermella e unha icona cun raposo.

2. Debemos activar o servizo de proxy. Picamos na mensaxe co botón dereito do rato e escollemos a opción de usar o proxy por defecto. Non sei se sempre é o mesmo, a min conéctame cun servidor dunha institución educativa estadounidense, que por desgraza non permite acceder a Pandora (nin á televisión da BBC, claro). Cando o proxy está activado, a mensaxe e a icona de Foxy Proxy póñense azuis. Como a IP por defecto non me serve, teño que encontrar outra máis axeitada. (Aos que todo vos funcione ben, podedes saltar os pasos seguintes ata o 8.)

3. Para iso están as páxinas que fornecen os datos de proxies para este tipo de complementos. Eu normalmente uso Samair. A lista de países é bastante ampla; só se precisa escoller un proxy que funcione ben (ás veces convén ou é necesario probar varios).

4. Copiamos o enderezo que non veña ben, picamos co botón dereito do rato na mensaxe de FoxyProxy (abaixo á dereita) e escollemos “Opcións” > “Engadir proxy novo”.

5. Apareceranos unha nova pantalla. Pegamos o enderezo no cadro en branco da esquerda. (Outra opción é pegar os números da primeira parte do enderezo -ata os dous puntos- no cadro en branco da esquerda, e os da segunda -a partir dos dous puntos- no cadro branco da dereita. Os dous puntos non se pegan ningures.)

6. Picamos no botón de aceptar.

7. Picamos co botón dereito do rato na mensaxe de FoxyProxy e escollemos o IP que acabamos de agregar.

8. Vamos á páxina que quixermos e comprobamos que funciona ben (se non, cómpre repetirmos os pasos 3 a 8). (Para sabermos exactamente os datos da nosa nova IP, podemos visitar unha páxina como esta.)

9. Para desactivar o proxy, picamos co botón dereito do rato na mensaxe azul de FoxyProxy e escollemos a opción de desactivar FoxyProxy completamente. A mensaxe porase vermella, como ao comezo.

Espero que a partir de agora teñades unha boa navegación!

Un saúdo

Advertisements

~ por opensuso o 24/12/2010.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

 
%d bloggers like this: