Unha alternativa a Unity

Na entrada anterior anunciei con grande aparato a chegada de Unity, a nova interface que Ubuntu propón para os seus usuarios. Despois de probala uns días, a impresión que me deu foi que Unity aínda esta bastante verde: no que a opcións de personalización se refire, por exemplo, ou respecto da integración dos menús dos aplicativos no novo panel “global” (imitación, talvez mellorada mais non acabada, do de Mac). Ademais, Unity consume máis memoria do que outras interfaces alternativas (entre eles, o panel clásico de Gnome).

Deixando a un lado estes feitos, é claro que para moita xente o fluxo de traballo que a nova barra de lanzadores e o novo panel impón é, máis do que unha axuda, un estorbo. Iso é o que me aconteceu a min. Normalmente, cando estou a traballar, gusto de ter varias xanelas do mesmo programa (Writer) abertas ao mesmo tempo, unha á par da outra, e usar outros aplicativos repartidos entre diferentes escritorios. Co panel de Gnome, podo ver o contido de cad unha das xanelas directamente, e picar en cada unha delas, minimizalas, maximizalas ou fechalas cun único xesto. Con Unity éme máis difícil. Por iso volvín á miña barra de lanzadores favorita: Avant Window Navigator (AWN), combinada con DockbarX, un miniaplicativo que tamén funciona co panel de Gnome e que imita o comportamento da barra de lanzadores de Wind0ws 7.

Noutro artigo xa vos mostrei unha imaxe do meu ambiente de escritorio con estas dous pequenos programas. Aquí tedes unha actualización:

(autor: openSUSO)

A seguir déixovos unha serie de instrucións de instalación e configuración.

O primeiro que debedes facer é iniciardes a sesión son Gnome clásico. Para iso, despois de escribirdes o voso nome de usuario, ides ao fondo da pantalla e nas opcións de sesión escolledes o ambiente clásico. Metedes o voso contrasinal e entrades.

Agora instalades AWN co xestor de paquetes Synaptic (podedes instalar a maioría dos paquetes que vos saen na busca, mais lembrade que algúns como os relacionados con Tomboy e Banshee exixen Mono entre as súas dependencias).

O seguinte paso é conseguirdes DockbarX. Para iso cómpre agregar un PPA no terminal:

$ sudo add-apt-repository ppa:dockbar-main/ppa
$ sudo apt-get update && sudo apt-get install dockbarx dockbarx-themes-extra awn-applet-dockbarx

Con isto deberiamos ter todos os programas que precisamos. Para substituírdes Unity por AWN (ou polo panel de Gnome), hai dúas opcións:

– talvez o máis cómodo sexa irdes ao editor de configuración: escribides gconf-editor no terminal, aceptades e, desde que estea aberto, seguides esta ruta: /desktop/gnome/session/required_components/panel. Unha vez alí trocades o valor orixinal por avant-window-navigator.

– tamén podedes instalar Ubuntu Tweak (dispoñible neste enderezo), e na epígrafe de Arranque > Control de sesión, trocar a opción por defecto por avant-window-navigator, e picar en Aplicar. A próxima vez que entredes no sistema co voso usuario, veredes que só aparece AWN. (Se quixerdes volver á barra ou ao panel orixinais, só cómpre escribirdes de novo o nome anterior e aplicárdelo.) O bo de usardes este programa é que vos vai permitir facer moitas outras cousas sen terdes de fedellar con editor de configuración nin co terminal.

Finalmente, imos ao Menú de inicio > Accesorios > AWN > Miniaplicativos e agregaremos DockbarX á nosa nova barra de lanzadores (na xanela de opcións de AWN podedes mudar moitas máis cousas: posición, tamaño, ocultación, aparencia, etc.)

Cales son as vantaxes de usar AWN? Pois que pode ocupar menos espazo, poñádelo onde o puxerdes, que Unity, entre outras cousas porque se pode reducir máis o seu tamaño e porque non precisa dun panel para o reloxo e a área de indicadores; e que AWN consume menos recursos (aínda que máis do que o panel de Gnome).

Como sempre nestes casos, a escolla é vosa. Fagades o que fixerdes, estou seguro de que Linux vos ofrece unha solución adecuada ás vosas necesidades.

Un saúdo.

Advertisements

~ por opensuso o 16/05/2011.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

 
%d bloggers like this: