Como instalardes Firefox 4… digo 5 en Ubuntu

Aínda non nos afixeramos a pór ao noso Firefox o número 4, cando de Mozilla decidiron sacar –seica para competir coa rápida sucesión de versións de Google Chrome/Chromium– a versión 5 do seu navegador. As novidades non son moitas (realmente, a aparencia, despois das mudanzas da terceira á cuarta versión, fica como estaba), mais sempre é agradable saber que dispoñemos das ferramentas últimas e máis rápidas.

Non é preciso desintalardes a versión anterior, aínda que talvez teñades que actualizar ou reinstalar algunha das extensións ao reiniciardes o navegador.

Velaí as instrucións para instalalo, co terminal, en Ubuntu 10.04 e 10.10 e derivados (os usuarios de Ubuntu 11.04 xa recibirían as actualizacións de maneira automática):

$ sudo add-apt-repository ppa:mozillateam/firefox-stable
$ sudo apt-get update
$ sudo apt-get install firefox

Cando abrades o programa, veredes que non está en galego. Non vos preocupedes. Ide ás páxinas da propia Mozilla (para sistemas de 32 e 64 bits respectivamente [EDIT.: Estas ligazóns para mudar o idioma do Firefox xa non funcionan; nos comentarios poden encontrarse outras felizmente actualizadas]) e picade na ligazón correspondente (gl.xpi). O paquete do idioma instalarase decontado.

E agora, a navegar!

Un saúdo

Advertisements

~ por opensuso o 30/06/2011.

8 Respostas to “Como instalardes Firefox 4… digo 5 en Ubuntu”

  1. Non atopo o gl.xpi en ningún lugar…

    • Pica no número 32 ou 64 (dependendo dos bits do teu sistema) que aparecen en branco na miña entrada. Entrarás nunha páxina con todos os idiomas dispoñibles. Agora pica na ligazón gl.xpi e acepta cando for preciso.
      Perdón pola falta de claridade, non se me ocorreu outra maneira de ligar tanto a páxina de 32 como de 64 bits e que se puidese escoller un idioma calquera das listas.
      Espero que che funcione.
      Un saúdo.

  2. Felicidades polo blog. Quedouche moi ben. É unha magoa que eu non empregue Ubuntu.
    Eu teño un blog de Chakra Linux (non sei se a coñeces, naceu como unha fork de Arch e mudou nunha distribución independente) pero escribo en español por mor dos lectores. http://galegolinux.blogspot.com.
    Aínda así pasarei polo blog, sempre é un placer ler algo libre en galego.
    Un saúdo

    • Grazas polo comentario.
      A intención do blogue é ser útil para os usuarios de calquera distribución, mais eu normalmente uso Ubuntu e Mint, e non me parece ben dar consellos nin recomendar programas sen os probrar eu primeiro; ao final, é verdade que todo xira ao redor de Ubuntu. Agora mesmo estou con Xubuntu (non me gusta Unity). En calquera caso, visto o rumbo da distribución, estou pensando en migrar a Mint Debian Xfce ou KDE, ou mesmo a MEPIS. O problema é que me dá a impresión de que os máis dos lectores galegos parecen usar Ubuntu.
      Coñezo Chakra, probei unha das alfas, hai bastante tempo, pero aínda estaba moi verde e prefería Gnome ou Xfce (talvez agora me mude a KDE por causa de Gnome 3, que tampouco me gusta). Eu non sei tanto como os usuarios de Chakra/Arch!
      Agrego o teu blogue ao Blogroll.
      Un saúdo.

  3. Ola de novo. Desculpa que esquecera agradecerche o do Firefox 5.0 en galego, aproveito agora para facelo. Agora vexo que xa se poden instalar en galego Firefox 6.0, que vai saír en breve, e ata Firefox 7.0 , aqui: http://www.mozilla.com/gl/firefox/channel/
    Sabes se hai repositorios e o complemento da lingua en algún lugar?. Parabéns polo blogue!

    • Ola!
      Eu non recomendaría instalar ningunha versión beta do Firefox 6, porque acaba de saír a versión estable e seguramente a versión que teñas se actualice automaticamente; se non, logo sairá un PPA propio, por iso é mellor esperar. Se aínda así quixeres probar a última versión beta (agora mesmo o PPA debería conter o Firefox 7):

      $ sudo add-apt-repository ppa:mozillateam/firefox-next
      $ sudo apt-get update
      $ sudo apt-get install firefox

      Canto ao idioma, acabo de reparar en que as ligazóns que puxen na entrada xa non funcionan; ignoro por que. Pódese probar nestas páxinas (a primeira seica funciona para calquera sistema; na segunda é preciso saber a versión que un está a usar):
      http://releases.mozilla.org/pub/mozilla.org/firefox/releases/latest/win32/xpi/
      http://releases.mozilla.org/pub/mozilla.org/firefox/releases/

      Un saúdo

  4. Ola! Efectivamente Firefox 6 xa se instala actualizando, co repositorio que indicaches ao principio (ata agora non era asi). E o complemento pra ter o navegador en galego está en http://releases.mozilla.org/pub/mozilla.org/firefox/releases/6.0/linux-i686/xpi/gl.xpi

  5. Semella que a nova numeración das versións do Firefox comporta tamén unha nova política de actualizacións: antes, para pasar dunha versión vella a outra máis nova cumpría reinstalar o navegador; agora, como en Chome-Chromium, xa pasamos do Firefox 4 ao 6 e axiña ao 7 só con manter actualizado o sistema. Gústame! Graciñas pola ligazón ao complemento de galego, non entendo por que mudan o enderezo cada pouco. Un saúdo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

 
%d bloggers like this: