Como instalardes Linux dun lapis USB
Como moitos sabemos, o sistema operativo máis adecuado para os computadores pouco potentes é Linux. Non estou a falar só dos equipos vellos; hoxe en día son moitas as persoas que prefiren comprar, por exemplo, un portátil máis pequeno e con maior autonomía aínda que con menor potencia. O problema, moitas veces, é que nestes portátiles non hai unidade de CD-DVD interna. Como facemos para instalarmos Linux neles, se a maioría veñen con Windows da tenda? Moi simple.
UNetbootin é un aplicativo que permite facer dos lapis USB unidades de inicio a partir de calquera distribución de Linux que teña Live CD. Está dispoñible tanto para Linux como para Windows e Mac. Podedes descargar a que máis os conveña na súa páxina web (atención: como avisan os seus creadores, ao instalardes o programa en Windows o antivirus pode dar un FALSO POSITIVO).
Unha vez instalado, abride o aplicativo, inseride o pincho, escollede a vosa distribución preferida e a unidade en que a queredes aloxar (UNetbootin permite descargardes a distribución da internet nese mesmo momento ou usar unha imaxe ISO previamente descargada). Aceptade, esperade uns minutos e solucionado!
Agora fechade o aplicativo sen sacardes o pincho, reiniciade o sistema e escollede iniciar do lapis USB. A partir de aí, o proceso de instalardes Linux é igual ao de calquera ouro Live CD.
Lembrade, ademais, que moitas distribucións, entre elas Ubuntu (e derivadas) e MEPIS, permiten facerdes isto mesmo, mais cunha limitación: só vos deixarán aloxar no lapis esa mesma distribución. Evidentemente, para solucionardes isto podedes botar man, novamente, de UNetbootin.
Saudacións.
[…] coa imaxe .iso básica (tamén é posible creardes un pincho de arranque, como xa vimos noutra entrada). Podedes descargar a imaxe nesta páxina. Nas últimas versións, pesa pouco máis de 20 Mb; […]