O Linux e os libros (electrónicos)

Como afeccionado ás novas tecnoloxías, lector apaixonado e orgulloso posuidor dun mestrado en edición (empresas editoriais todas, atención: ESTOU A PROCURAR TRABALLO), un dos desenvolvementos recentes asociados aos libros que máis me chama a atención é o fenómeno da edición dixital, tanto por parte dos autores –que agora poden facer o seu traballo de maneira máis cómoda cos novos procesadores de textos, as cámaras dixitais, programas de deseño e outras ferramentas que seguramente estea a esquecer neste momento– como das editoriais, que pasaron dos manuscritos e os chumbos aos PDFs e a impresión dixital en poucos anos e de maneira admirablemente fluída. No entanto, o desenvolvemento que máis me impresiona é o da distribución en formato dixital, que grazas á internet e aos dispositivos portátiles de almacenaxe e reprodución está a revolucionar o mundo editorial.

Como moitos de vós xa saberedes, a industria editorial decidiu, case na súa totalidade, adoptar como estándar para os libros dixitais o formato aberto EPUB. (De feito, dos grandes actores, só Amazon fica á marxe co seu Kindle, agora de saldo.) As grandes vantaxes do EPUB son o seu reducido peso, a súa facilidade para adaptar o formato (tipografías e tamaños do texto, lonxitude das liñas) ás características do reprodutor de libros electrónicos a aos gustos dos usuarios, e o seu carácter aberto, que facilita a súa adopción por parte de quen quixer.

Sendo como son curioso, e gustando como gusto de fedellar con estes aparellos, antes do Nadal decidín probar o servizo de empréstimo de lectores ebooks da biblioteca pública Ánxel Casal (Compostela). O modelo que ofrecen é o Bookeen Cybook Opus, que non será nin o máis avanzado nin o máis potente, mais é fácil de manexar, supoño que relativamente económico e cabe no bolso da chaqueta. Despois de o usar durante un par de semanas, de cargar nel media ducia de libros (de dominio público, descargados de páxinas como Project Gutenberg, que desgraciadamente case non ten obras en galego) e de lelos na biblioteca, na casa e no bus, dou fe da utilidade do invento, polo menos para quen quixer literatura clásica de maneira compulsiva –maiormente en inglés– e non aspirar a tomas notas, facer subliñados nin buscas en dicionarios (servizos todos eles dispoñibles noutros lectores máis caros, mais non no que podedes obter das bibliotecas).

Xa convencido das bondades do trebello e da tinta electrónica (con este sistema de pantalla non retroiluminada, após cinco minutos de adaptación a experiencia de lectura é idéntica á de ler en papel), propúxenme investigar un pouco máis sobre as posibilidades de creación, edición, e xestión de documentos nese formato en Linux, do modo máis fácil posible, e gratuíto. Eis, brevemente, as miñas conclusións.

Para crear os EPUBs, os tres sistemas que achei máis cómodos son (1) a extensión writer2epub para OpenOffice e LibreOffice (para instalala, descargádea, clicade nela dúas veces e aceptade cando volo pedir; ao reiniciardes a suite ofimática veredes no Writer unha nova barra de tarefas), que fai posible a creación de EPUBs a partir de calquera documento de procesador, (2) a extensión dotepub para Chrome/Chromium (premede no botón de arriba á dereita para agregalo ao navegador), que permite xerar EPUBs a partir de páxinas web, e (3) un clásico: o xestor Calibre (dispoñible nos vosos repositorios), con que poderedes xestionar as vosas bibliotecas, crear EPUBs a partir de PDFs, e agregar e modificar os metadatos que identifican os documentos.

Para ler os EPUBs que creastes, que apañastes da internet ou que conseguistes de calquera outra maneira, recomendo o uso dun lector de verdade, como o que emprestan nalgunhas bibliotecas. Mais se quixerdes lelos no voso computador, podedes usar Calibre ou un aplicativo máis lixeiro (que tamén serve para xestionar coleccións e editar metadatos): FBReader, dispoñible tamén nos vosos repositorios.

Finalmente, para editardes o contido e o formato dos documentos, recomendo o aplicativo que me recomendou a min unha entendida: Sigil, que pode ser descargado da súa propia páxina.

Espero que con toda esta información poidades tirar máis proveito ao e-reader que recibistes dalgún ser querido hai tempo, ou que pedistes ás S.M. os Reis Magos do Oriente para este novo ano. Eu xa o estou a facer.

Un saúdo.

Advertisements

~ por opensuso o 02/01/2012.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

 
%d bloggers like this: