Instalación minimalista de Ubuntu con Xfce

Para quen non o coñecerdes, o Xfce é un ambiente de escritorio lixeiro. Até ha pouco, podía ser definido como o irmán pequeno de Gnome 2. Desde que Gnome 3 está entre nós, Xfce é simplemente o que Gnome xa non é: un ambiente clásico, sen enfeites (no momento da instalación; despois cada un pode configurar a aparencia como quixer), en dúas palabras, para traballar.

A seguir vouvos ensinar como facer unha instalación minimalista de Ubuntu con Xfce. Aínda que o resultado sexa bastante semellante a Xubuntu, especialmente no ámbito da funcionalidade básica, os paquetes instalados serán moitos menos, e por tanto o sistema ocupará menos espazo no disco duro e usará, ao acendelo, menos memoria RAM.

1. Para comezar, cómpre estarmos conectados á internet.

2. Seguidamente, creamos un CD de instalación coa imaxe .iso básica (tamén é posible creardes un pincho de arranque, como xa vimos noutra entrada). Podedes descargar a imaxe nesta páxina. Nas últimas versións, pesa pouco máis de 20 Mb; cómpre termos en conta que durante a instalación descargaranse da internet todos os paquetes básicos necesarios (os cales non inclúen o ambiente de escritorio).

3. Ligamos o CD ou lapis USB ao noso equipo, reiniciamos e escollemos arrancar con ese medio.

4. Escollemos a instalación coa liña de comandos e vamos realizando todos os pasos (son case os mesmos que nunha instalación de Ubuntu normal; se tiverdes algunha dubida nalgún dos pasos, simplemente escollede a opción por defecto). Algúns apuntamentos: o tabulador serve para pasar dunha opción á seguinte, e a barra de espazos ou a tecla de Intro serven para aceptar; aínda que soe estraño, o máis fácil é non deixar que o sistema escolla a configuración do teclado (clicamos en non e escollemos a opción de España); á hora de escoller como usar as particións do disco duro, o máis cómodo é seleccionar a instalación guiada en todo o disco (talvez conveña que noutra entrada explique como facer as particións para facilitar as reinstalacións).

O método  de instalación seguido é o da liña de comandos (autor: openSUSO)

Para non facer as cousas máis difíciles, instalamos en todo o disco duro (autor: openSUSO)

5. Cando o proceso de instalación acabar (non vos impacientedes), reiniciamos o sistema.

6. Inserimos o noso nome de usuario e contrasinal. (Ao facer unha instalación de proba, tiven un problema pouco serio mais molesto: após reiniciar, pasados uns segundos, na pantalla só aparecía un cursor intermitente. A solución é pulsar Alt+F1 ou, se iso non funcionar, Ctrl + F1.)

Despois do reinicio, inserimos o usuario e a chave (autor: openSUSO)

7. Instalamos o ambiente de escritorio e algunhas ferramentas básicas (a orde –no-install-recommends impide que se instalen máis paquetes dos que realmente precisamos; vai introducida por dous trazos, non por un, mais non sei por que na pantalla aparece así):

$ sudo apt-get update

$ sudo apt-get install –no-install-recommends xorg gdm xfce4 thunar xfce4-places-plugin xfce4-terminal firefox gksu synaptic desktop-base alsa-base alsa-utils alsa-oss gstreamer0.10-alsa libasound2 libasound2-plugins gnome-icon-theme xdg-utils gamin gdebi wicd-gtk p7zip-full p7zip-rar htop

$ sudo service gdm start

(Copiade as ordes á man porque non as poderedes colar.)

(Reparade na preferencia por alsa en vez de pulseaudio e por wicd en lugar do network manager de Gnome.)

Outro apuntamento: para marcardes o voso usuario na configuración de wicd, usade a barra espazadora.

8. Agora xa nos aparecerá a pantalla de indentificación. Inserimos novamente o noso nome de usuario e contrasinal et voilá!

Un escritorio noviño do trinque, cun consumo menor aos 70 MB de RAM (autor: openSUSO)

9. Neste momento temos un sistema con escritorio plenamente operativo (aínda que non sexa o máis fermoso do mundo) ao cal podemos agregar cantas aplicacións desexarmos. Estas son as que uso eu normalmente (procesador de texto, visor de imaxes e PDFs, ferramenta de copias de seguranza, reprodutores de son e vídeo, gravador de CDs, complementos multimedia para o Firefox, algúns temas para mellorar o aspecto do escritorio etc.):

$ sudo apt-get install –no-install-recommends xubuntu-restricted-extras xfce4-screenshooter gecko-mediaplayer totem-mozilla gthumb libreoffice-writer libreoffice-gtk libreoffice-style-galaxy thunar-archive-plugin thunar-media-tags-plugin galculator ttf-ubuntu-font-family gnome-search-tool bleachbit xfce4-power-manager linux-firmware-nonfree alsa-firmware-loaders ttf-mscorefonts-installer xfburn evince deja-dup flashplugin-downloader xubuntu-artwork gmusicbrowser

10. Para completardes a localización galega de LibreOffice e Firefox, son tamén necesarios estes paquetes:

$ sudo apt-get install libreoffice-l10n-gl libreoffice-help-gl hunspell-gl-es firefox-l10n-gl

AVISO: para que algúns programas funcionen (e.g. Synaptic), talvez debades reiniciar unha vez máis.

Ao final, teremos unha instalación moi pequena e frugal, mais plenamente funcional, isto é, ideal para equipos con pouca potencia, por exemplo os omnipresentes netbooks. Eis algúns datos (aproximados):

No. de paquetes instalados: < 850.

Espazo ocupado polo sistema: < 2 Gb.

Consumo de memoria RAM: < 100 Mb.

Un saúdo.

Advertisements

~ por opensuso o 26/01/2012.

6 Respostas to “Instalación minimalista de Ubuntu con Xfce”

  1. […] Blog de Linux Publicado o Xaneiro 31, 2012 8:42 pm por endlciastgo Ós/Ás que vos gusta de verdade a informática pódevos resultar moi interesante o blog Linux Galego. […]

  2. Seguín esta guía pero non me instalou varias cousas. Que eu me decatase, deu erro co flash, co Synaptic (que aparece nos menús pero cando premes non fai nada e se reinstalas vólveche dicir que ten problemas con algo do flash) e coa tradución do firefox, que tamén di que non a atopa. Sen Synaptic é como non ter nada porque non domino Linux e interesábame instalar os programas educativos que xa fornece Ubuntu. O navegador e o libre office seguen en inglés o que tamén é un engorro para unha cativa de 6 anos. Ademais non teño son.

    O meu gozo nun pozo, eu que pensaba resucitar o Pentium III. 😦

  3. Agora intentei sudo apt-get install tuxpaint e tamén me dá erro, porque non atopa flashplugin-downloader, que é o problema do synaptic e demais.

    Intento sudo apt-get install flash-plugin-installer, sudo apt-get install flash-plugin, sudo apt-get install flash-plugin-downloader, sudo apt-get install flashplugin-downloader, etc pero todo me dá erro 1 ou not found…

    Alguén sabe como amañalo?

    • Ola, perdón polo atraso na resposta: o problema de Synaptic tamén o tiven eu; solucioneino, como digo ao final da guía, reiniciando o sistema. Como supoño que iso xa o fixeches, proba a desinstalalo no terminal (sudo apt-get –purge remove synaptic); o comando “purge” debería limpar calquera resto, para que non interfira. Agora actualiza as fontes (sudo apt-get update) e reinstálao (sudo apt-get install synaptic); proba se funciona (e se fai falta reinicia outra vez). Se iso non funcionar, confeso que non sei cal é o problema. Podería ser que estás por tras dun gardafogo? De todas as maneiras, proba se podes abrir Synaptic co terminal: gksudo synaptic.
      Alén diso, podes probar a crear un botón/iniciador no panel do escritorio (botón dereito do rato > engadir > novos elementos > iniciador > botón dereito do rato sobre o novo iniciador > propiedades > símbolo “+” > escribe “synaptic” no cadro de busca [debería aparecer automaticamente o nome completo] > engadir). Iso debería servirche.
      Canto ás traducións, eu instaleinas no terminal sen problemas (actualiza as fontes como suxerín antes e escribe: sudo apt-get install libreoffice-l10n-gl libreoffice-help-gl hunspell-gl-es firefox-l10n-gl). Se xa che funciona Synaptic, os nomes dos paquetes son eses mesmos.
      A respecto do flash, crin que cos paquetes que puxen na guía xa se instala automaticamente; se flashplugin-downloader non o instala, proba con este comando: sudo apt-get install flashplugin-installer (o nome do paquete é o mesmo se prefires Synaptic). En calquera caso, Firefox debería avisar de que falta un plugin e permitirche instalalo cando visitas, por exemplo, este blogue.
      Para o tuxpaint, proba: sudo apt-get install tuxpaint (é o nome que aparece en Synaptic).
      O problema de instalar aplicacións co terminal é que tes que saber o nome exacto. O mellor é buscar o nome do paquete en Google (ás veces é máis rápido en inglés: ubuntu package nome-xenérico-do-paquete).
      A ausencia de son pode ter dúas solucións (unha fácil e a outra non tanto; tamén pode que Ubuntu non recoñeza o hardware): no terminal escribe alsamixer e acepta. Aparecerá (espero) unha serie de columnas de cores. Movendo as frechas de dereita e esquerda no teclado, vai subindo todos os controis coa frecha cara arriba (se só che aparece unha columna, podes mostrar máis premendo na tecla F5; se sabes o nome da tarxeta de son do computador, preme F6 e escóllea na lista; dálle a ESC para retroceder ou saír do programa cando acabares). Tamén podes picar directamente no botón de volume do panel (se non che aparece, podes agregalo co botón dereito do rato, nas opcións do panel; debe estar no plugin de indicadores ou na área de notificación); entra nas opcións de configuración, dálle a mostrar todos os controis que poidas, e súbeos todos. Volta a probar se agora o son funciona. Se non é solución, a segunda é instalar Pulseaudio e configuralo como suxerín, mais non creo que iso sirva de moito, a verdade (se non funciona con Alsa…). Talvez sexa un problema de compatibilidade co hardware.
      En última instancia, se todo isto é moi complicado ou laborioso, ou simplemente cres que perdes máis tempo do que gañas, o último que che podo recomendar é que probes a instalar Lubuntu. Nun Pentium III debería funcionar.
      Non sei se che fun de moita axuda. O problema é que eu non tiven eses problemas, e entón non sei como reproducilos para encontrar solucións. Todas as guías e consellos que dou sempre os probo primeiro para ver se funcionan e como poden funcionar mellor. Dóeme un pouco crear problemas que non sei de onde veñen. Tentarei esforzarme máis a próxima vez.

  4. Ola de novo.

    Esta temporada ando bastante liado, así que non lle volvín tocar ó tema. De tódolos xeitos moitas grazas pola túa extensa resposta. Hei de ir vendo o que consigo no meu PIII seguindo os teus pasos. E se non, hei de probar co Lubuntu, como ti ben dis.

    Graciñas.

    • Ola. Espero que teñas sorte coas reparacións (se as probares). Se non, como che dixen proba con Lubuntu (e desinstala as cousas que non usas para obteres mellores resultados: bluetooth, escritorio remoto etc. Evidentemente, vai con tento). Outra solución é probares distribucións máis lixeiras: Bodhi Linux (baseada en Ubuntu, con software actualizado, pero cun escritorio “diferente” e unhas tipografías un pouco menos claras que as de Ubuntu), Crunchbang (baseada en Debian), Puppy (agora baseada en Ubuntu, mais cun aspecto bastante primitivo), Antix (baseada en Mepis, que se basea en Debian). O problema que podes ter é que, ao ser un computador un pouco vello, non encontres os controladores adecuados. Supoño que, se os consellos que che din no anterior comentario non serven, é cuestión de ires probando até encontrares algo que funcione ben e que sexa do teu gusto.
      Un saúdo.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

 
%d bloggers like this: