Liberado o Ubuntu Precise Pangolin (12.04 LTS)

Como cada ano par nesta altura, desde hai xa algúns anos, o mundo de Linux e o software libre é testemuña do nacemento dunha nova versión do Ubuntu con actualizacións e asistencia técnica prolongada (long term support ou LTS). Nesta ocasión o nome chave da versión é Precise Pangolin — pangolín preciso (carafio cos nomes!). Entre as características técnicas máis sinaladas están as seguintes:

– Novo kernel, aínda con mellor compatibilidade co hardware dispoñible (por exemplo no ámbito dos touchpad).

– Novas versións dos aplicativos máis coñecidos (LibreOffice, Firefox, Thunderbird etc.)

– A volta de Rhythmbox como reprodutor de música (xa sabedes que sempre o podedes substituír por outro con pouco máis de dous cliques; eu fico contento con Rhythmbox).

– Melloramentos en Unity (perdoade o comentario: se é que se pode mellorar) e no centro de software (sempre útil para instalarmos Synaptic).

– Novos temas, case idénticos aos precedentes (é unha pena).

Esta é páxina de descarga da nova versión, integramente traducida ao galego. Eu non volo vou negar, desde que Ubuntu decidiu introducir Unity, non incluír Synaptic e mover os botóns das xanelas, deixei de usalo. Felizmente, a base do sistema é robusta como un penedo, e as alternativas baseadas nesa base non son poucas (ah, as vantaxes do software libre!).

Se o que quixerdes é un espazo de traballo máis clásico, a solución máis simple dentro de Ubuntu é instalar a sesión alternativa de Gnome (sesión retro, poderiamos dicir, polo seu parecido coa de Gnome 2). Abrimos o terminal e colamos (a partir de sudo):

$ sudo apt-get install gnome-session-fallback

Cerramos a sesión ou reiniciamos, e, na pantalla que deixa escoller o usuario, escollemos a sesión recén instalada. Inserimos a nosa chave, e xa podemos esquecer Unity polo menos por un tempo.

Se preferirdes Gnome Shell, que eu acho bastante usable após a instalación dunhas cantas extensións (alternative status menu, quit button, alternate tab, window icon list, entre outras), podedes descargar Ubuntu Gnome Shell Remix.

Os máis clásicos sempre teremos os irmáns conservadores de Ubuntu (con ambientes de escritorio como os de toda a vida, máis ou menos): Kubuntu, Xubuntu (o meu preferido) e Lubuntu (o máis lixeiro). Alén destes, están os coirmáns máis especializados: Mythbuntu (para entretemento multimedia), Edubuntu, (cunha orientación máis educativa, ideal para os cativos), Ubuntu Studio (para a creación dixital). Xa vedes que a familia *buntu é larga abondo! Espero non esquecer ningún membro.

Lembrade, todas estas distribucións teñen actualizacións e asistencia prolongada, isto é, durante cinco anos (tanto para servidores como, a partir da presente versión, para instalacións de escritorio).

Que aínda non probastes nigún *buntu? Non tendes perdón 🙂

Un saúdo.

Advertisements

~ por opensuso o 07/05/2012.

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s

 
%d bloggers like this: