MUDÁMONOS!

•27/07/2012 • Deixar un comentario

Queridas lectoras, queridos lectores, após máis dun ano escribindo en galego sobre o Linux, o software libre e outras cousas relacionadas, recibimos unha suculenta oferta que puidemos mais non quixemos rexeitar: a xente de Blogaliza púxose en contacto connosco e ofrecéronnos mudar o blogue á súa páxina. Foi tanta a súa amabilidade que non se nos ocorreu a dicir que non (graciñas pola oferta, rapaces).

O novo enderezo é este:

http://linuxgalego.blogaliza.org

 

Como veredes polo nome e o deseño do novo blogue, son unha persoa de costumes ben asentados. A verdade é que non había razón para mudar demasiado nin un nin o outro. Todas as ligazóns están máis ou menos no mesmo sitio, para nos nos perder. Agora só me falta ir agregando artigos (e que vós fagades os vosos comentarios).

Un saúdo.

openSUSO

Os praceres da diáspora

•27/06/2012 • Deixar un comentario

Hai vida fóra do facebook? Hai, non vai haber. É unha vida mellor ou peor? Potencialmente, é mellor; mais por agora solitaria. Onde está esa vida? Na diáspora. E como chega un a ela? Non é difícil, mais tampouco non é moi fácil: unha busca no google talvez dea resultados contraditorios, mais se tivermos paciencia chegaremos a un enderezo en que non nos fagan perder tempo (noutros, disque, farannos agardar meses).

Mais antes de preguntardes: de que fala este tolo?, e de vos impacientardes pola falta de ligazóns (si, xa sei que a tentación de picardes aquí e alá é moi forte, acougade un pouco e continuade coa lectura),  vóuvolo explicar todo (ben TODO TODO, como en quen está a roubar o queixo que a todos pertence, non; mais todo o que considero relevante para un blogue como este, si).

 

Diaspora é dúas cousas (mais as dúas sen acento e cun asterisco ao final), e á vez só unha: un software libre que permite a creación de redes sociais descentralizadas, e unha rede social semellante ao facebook criada con ese software (por tanto aberta e descentralizada). Diaspora está en probas, mais un xa pode entras e rexistrarse na súa páxina (ou nunha delas: ao non estar centralizada, a rede ten varias vías de acceso; nalgunhas hai lista de agarda; mais nesta que vos dous eu, non). Só precidades escoller un nome (ou alcuño, en Diaspora non teñen ningunha norma contra iso); un enderezo electrónico (pode ser falso, tampouco lles importa) e unha chave.

Cales son as vantaxes? Para o usuario corrente, talvez só haxa unha: Diaspora non pertence a ninguén, non a controla ninguén en concreto, ninguén pode apañar datos dos usuarios para vendelos a empresas de publicidade ou para llelos dar aos gobernos. Diáspora é unha rede aberta, libre, que respecta as persoas que entran nela.

Cales son os inconvenientes? Diaspora non ten bos asesores de imaxe (canta xente coñecía Diaspora antes de ler este texto? Vamos, erguede as mans!), nin moitas usuarias aínda (menos de 400.000 contas rexistradas, en comparanza cos 500 millóns que seica ten o facebook).

Podedes rexistrarvos, é gratis e non tendes de usar os vosos datos verdadeiros. Podedes dar unha ollada á páxina, podedes escoller o idioma (no menú que sae ao picardes no asterisco de arriba á dereita, indo a configuración), podedes pór unha foto curriña e saudar a xente (hai unha “onda” pública, seguro que recibides saudacións dos que lean o voso comentario).

(autor: openSUSO)

Non perdedes nada por probar, nin por falardes ás vosas amigas do sitio. Talvez aínda haxa esperanza.

Un saúdo

Como encontrar imaxes e outros ficheiros con licenzas libres

•30/05/2012 • Deixar un comentario

Cando comecei con este blogue, unha das primeiras cousas que fixen foi escoller unha imaxe para a cabeceira. Quería que fose de pingüíns, e prefería que fose unha foto, non un debuxo. Mais como eu non adoito viaxar moito ao polo, non tiña ningunha feita por min. A alternativa era tomar unha da internet, e, para facelo, quería que estivese protexida por unha licenza libre — se fose posible, que permitise modificacións para poder adaptar o tamaño e as cores.

Foi pedir a imaxe, e a xenerosa mai internética proveu en abundancia. Como? A través dos buscadores de ficheiros con licenzas libres. Estes son dous dos máis comúns: o de wikimedia commons (de onde acabei tirando a imaxe dos pingüíns medio birollos) e o de creative commons (fonte de ficheiros case inesgotable; pódense filtrar segundo as restricións de uso que teñan; inclúe o buscador anterior).

O único que tendes de facer para as usar e facer mención dos créditos correspondentes.

Como vedes, é moi fácil reutilizar contidos abertos nas vosas propias creacións.

Un saúdo.

Liberado o Ubuntu Precise Pangolin (12.04 LTS)

•07/05/2012 • Deixar un comentario

Como cada ano par nesta altura, desde hai xa algúns anos, o mundo de Linux e o software libre é testemuña do nacemento dunha nova versión do Ubuntu con actualizacións e asistencia técnica prolongada (long term support ou LTS). Nesta ocasión o nome chave da versión é Precise Pangolin — pangolín preciso (carafio cos nomes!). Entre as características técnicas máis sinaladas están as seguintes:

– Novo kernel, aínda con mellor compatibilidade co hardware dispoñible (por exemplo no ámbito dos touchpad).

– Novas versións dos aplicativos máis coñecidos (LibreOffice, Firefox, Thunderbird etc.)

– A volta de Rhythmbox como reprodutor de música (xa sabedes que sempre o podedes substituír por outro con pouco máis de dous cliques; eu fico contento con Rhythmbox).

– Melloramentos en Unity (perdoade o comentario: se é que se pode mellorar) e no centro de software (sempre útil para instalarmos Synaptic).

– Novos temas, case idénticos aos precedentes (é unha pena).

Esta é páxina de descarga da nova versión, integramente traducida ao galego. Eu non volo vou negar, desde que Ubuntu decidiu introducir Unity, non incluír Synaptic e mover os botóns das xanelas, deixei de usalo. Felizmente, a base do sistema é robusta como un penedo, e as alternativas baseadas nesa base non son poucas (ah, as vantaxes do software libre!).

Se o que quixerdes é un espazo de traballo máis clásico, a solución máis simple dentro de Ubuntu é instalar a sesión alternativa de Gnome (sesión retro, poderiamos dicir, polo seu parecido coa de Gnome 2). Abrimos o terminal e colamos (a partir de sudo):

$ sudo apt-get install gnome-session-fallback

Cerramos a sesión ou reiniciamos, e, na pantalla que deixa escoller o usuario, escollemos a sesión recén instalada. Inserimos a nosa chave, e xa podemos esquecer Unity polo menos por un tempo.

Se preferirdes Gnome Shell, que eu acho bastante usable após a instalación dunhas cantas extensións (alternative status menu, quit button, alternate tab, window icon list, entre outras), podedes descargar Ubuntu Gnome Shell Remix.

Os máis clásicos sempre teremos os irmáns conservadores de Ubuntu (con ambientes de escritorio como os de toda a vida, máis ou menos): Kubuntu, Xubuntu (o meu preferido) e Lubuntu (o máis lixeiro). Alén destes, están os coirmáns máis especializados: Mythbuntu (para entretemento multimedia), Edubuntu, (cunha orientación máis educativa, ideal para os cativos), Ubuntu Studio (para a creación dixital). Xa vedes que a familia *buntu é larga abondo! Espero non esquecer ningún membro.

Lembrade, todas estas distribucións teñen actualizacións e asistencia prolongada, isto é, durante cinco anos (tanto para servidores como, a partir da presente versión, para instalacións de escritorio).

Que aínda non probastes nigún *buntu? Non tendes perdón 🙂

Un saúdo.

Calligra, outra alternativa ao Office de MS

•12/04/2012 • Deixar un comentario

Acaba de facerse o anuncio de que xa se pode descargar a nova versión estable de Calligra. Iso significa que de aquí a pouco estará nos repositorios das distribucións de Linux máis importantes. Para quen non o souber, Calligra é unha bifurcación de KOffice, a suite ofimática vinculada ao ambiente de traballo KDE e xa medio abandonada (máis información no artigo da Wikipedia). Como resultado deses vínculos, tanto KOffice como Calligra ofrecen unha integración visual moito mellor en KDE.

(Words)

Entre os programas que integran a suite, cómpre destacar:

– Words, o procesador de textos;

– Sheets, o programa de follas de cálculo;

– Stage, para presentacións;

– Krita, para crear e editar imaxes en mapa de bits;

– Karbon, para imaxes vectoriais.

Á parte do aspecto visual e da interface, cuxa barra lateral tenta –como se ve na imaxe que achego– tirar o máximo proveito das pantallas panorámicas actuais, as características máis notables de Calligra son a súa rapidez en comparanza con outras suites ofimáticas, e a compatibilidade con Open/LibreOffice (grazas ao uso do formato aberto ODT) e co Office de MS.

Non sei a vós, a min paréceme unha alternativa moi atraente.

Un saúdo.

Curso de localización de software libre na USC

•28/03/2012 • Deixar un comentario

Un apuntamento rápido: a USC abriu o período de matrícula para o IV Fiadeiro de tradución de software libre. Tendes até o 15 de abril. O curso estará dividido en tres xornadas, e terá unha parte teórica inicial introdutoria e unha parte práctica. Haberá mesmo premios para as mellores localizadoras!

Máis información, aquí.

Saudacións.

ED. Esquecera aclarar que o curso é gratuíto.

Nunca esquezas a configuración do teu navegador web (Firefox e Chrome/Chromium)

•22/03/2012 • Deixar un comentario

Para quen usarmos diferentes computadores ao longo do día e mesmo learmos un navegador portable no noso lapis USB, mantermos as configuracións iguais en todos os navegadores pode ser unha grande vantaxe. Tamén será moi útil cando fixermos novas instalacións de sistema  operativo. Afortunadamente, nos dous navegadores web máis populares, Firefox e Chrome/Chromium, non é difícil logralo.

En Firefox, a sincronización é un servizo anteriormente fornecido por extensións independentes, por exemplo Foxmarks/Xmarks (só para marcadores) e Firofox Sync. Precisamente a partir deste se desenvolveu a ferramenta xa integrada nas versións máis recentes do propio navegador. Con ela podemos gardar e sincronizar non só os favoritos senón tamén as as extensións que usemos habitualmente e as chaves dos sitios que as precisaren (non recomendo gardalas se fordes usar computadores que non son vosos ou un pincho, que sempre se pode perder). Para usar a sincronización, só cómpre seguirmos esta rota nos menús:

Editar > Preferencias > Sync > Configurar > Crear nova conta

Inserimos os nosos datos e vamos a Opcións de configuración (na mesma xanela, abaixo á esquerda). Aí marcamos os datos que queremos conservar e sincronizar en todos os navegadores Firefox que vaiamos usar.

(autor: openSUSO)

Agora só fai falta copiarmos os datos da conta (importante para podermos usala noutros equipos) e irmos aceptando/avanzando cantas veces for preciso. As nosas configuracións irán directamente ao servidor de Mozilla. Para ligarmos outro Firefox a esa conta e así compartillarmos os mesmos datos, seguimos a mesma rota nos menús:

Editar > Preferencias > Sync > Configurar >Asociar un dispositivo

Inserimos a nosa identificación con todos os datos que copiamos antes e, en moi pouco tempo, todas as configuracións que tiñamos no dispositivo orixinal aparecerán tamén neste (e viceversa, a partir deste momento).

Este proceso podemos facelo en cantos navegadores quixermos.

Para Chrome/Chromium, o proceso quizá sexa aínda máis simple, mais precisamos unha conta de Google (p. ex., de Gmail):

Menú de configuración > Preferencias > Persoal > Iniciar sesión

Ao comezo podemos crear a conta de configuración coa nosa conta de Google. E en Configuración avanzada podemos escoller, como en Firefox, que datos queremos gardar e sincronizar. A partir deste momento, en calquera outro navegador Chrome/Chromium apenas é necesario irmos ao mesmo sitio nos menús e escribirmos a nosa conta de Google. A sincronización non debería demorar moito.

Espero que este pequeno consello vos veña tan ben como a min.

Un saúdo.

Unha tablet barata con Linux

•18/02/2012 • Deixar un comentario

Continúa a febre das tablets, e afortunadamente os usuarios de Linux non debemos ter envexa dos de Apple. Grazas a Android e ás novas interfaces de Linux (Gnome 3, Unity) e á versión de KDE para estes dispositivos (plasma active), tamén nós podemos presumir destes trebellos con pantalla táctil en público.

A última noticia neste campo é moi interesante: dentro de pouco vai saír unha tablet, a Spark, co sistema libre Mer baseado en Linux e KDE plasma active como ambiente de traballo. Eis os detalles técnicos:

Procesador 1GHz AMLogic

GPU Mali-400

512 MB RAM

4GB de disco duro (e posibilidade de usar tarxetas SD)

Pantalla táctil de 7″

Wi-Fi (mais 3G vía USB Externo)

Cámara frontal de 1.3 MP

Saída HDMI 1080P

2 portos USB

355 gramos de peso

Aínda que a potencia non sexa para botar foguetes, talvez cando vos diga o prezo previsto a vosa opinión mellore: 200€ (douscentos euros!).

Podedes ver máis detalles e reservar a vosa Spark na páxina do proxecto (en inglés). Entrementres, déixovos un breve vídeo de presentación:

Un saúdo.

Instalación minimalista de Ubuntu con Xfce

•26/01/2012 • 6 Comentarios

Para quen non o coñecerdes, o Xfce é un ambiente de escritorio lixeiro. Até ha pouco, podía ser definido como o irmán pequeno de Gnome 2. Desde que Gnome 3 está entre nós, Xfce é simplemente o que Gnome xa non é: un ambiente clásico, sen enfeites (no momento da instalación; despois cada un pode configurar a aparencia como quixer), en dúas palabras, para traballar.

A seguir vouvos ensinar como facer unha instalación minimalista de Ubuntu con Xfce. Aínda que o resultado sexa bastante semellante a Xubuntu, especialmente no ámbito da funcionalidade básica, os paquetes instalados serán moitos menos, e por tanto o sistema ocupará menos espazo no disco duro e usará, ao acendelo, menos memoria RAM.

1. Para comezar, cómpre estarmos conectados á internet.

2. Seguidamente, creamos un CD de instalación coa imaxe .iso básica (tamén é posible creardes un pincho de arranque, como xa vimos noutra entrada). Podedes descargar a imaxe nesta páxina. Nas últimas versións, pesa pouco máis de 20 Mb; cómpre termos en conta que durante a instalación descargaranse da internet todos os paquetes básicos necesarios (os cales non inclúen o ambiente de escritorio).

3. Ligamos o CD ou lapis USB ao noso equipo, reiniciamos e escollemos arrancar con ese medio.

4. Escollemos a instalación coa liña de comandos e vamos realizando todos os pasos (son case os mesmos que nunha instalación de Ubuntu normal; se tiverdes algunha dubida nalgún dos pasos, simplemente escollede a opción por defecto). Algúns apuntamentos: o tabulador serve para pasar dunha opción á seguinte, e a barra de espazos ou a tecla de Intro serven para aceptar; aínda que soe estraño, o máis fácil é non deixar que o sistema escolla a configuración do teclado (clicamos en non e escollemos a opción de España); á hora de escoller como usar as particións do disco duro, o máis cómodo é seleccionar a instalación guiada en todo o disco (talvez conveña que noutra entrada explique como facer as particións para facilitar as reinstalacións).

O método  de instalación seguido é o da liña de comandos (autor: openSUSO)

Para non facer as cousas máis difíciles, instalamos en todo o disco duro (autor: openSUSO)

5. Cando o proceso de instalación acabar (non vos impacientedes), reiniciamos o sistema.

6. Inserimos o noso nome de usuario e contrasinal. (Ao facer unha instalación de proba, tiven un problema pouco serio mais molesto: após reiniciar, pasados uns segundos, na pantalla só aparecía un cursor intermitente. A solución é pulsar Alt+F1 ou, se iso non funcionar, Ctrl + F1.)

Despois do reinicio, inserimos o usuario e a chave (autor: openSUSO)

7. Instalamos o ambiente de escritorio e algunhas ferramentas básicas (a orde –no-install-recommends impide que se instalen máis paquetes dos que realmente precisamos; vai introducida por dous trazos, non por un, mais non sei por que na pantalla aparece así):

$ sudo apt-get update

$ sudo apt-get install –no-install-recommends xorg gdm xfce4 thunar xfce4-places-plugin xfce4-terminal firefox gksu synaptic desktop-base alsa-base alsa-utils alsa-oss gstreamer0.10-alsa libasound2 libasound2-plugins gnome-icon-theme xdg-utils gamin gdebi wicd-gtk p7zip-full p7zip-rar htop

$ sudo service gdm start

(Copiade as ordes á man porque non as poderedes colar.)

(Reparade na preferencia por alsa en vez de pulseaudio e por wicd en lugar do network manager de Gnome.)

Outro apuntamento: para marcardes o voso usuario na configuración de wicd, usade a barra espazadora.

8. Agora xa nos aparecerá a pantalla de indentificación. Inserimos novamente o noso nome de usuario e contrasinal et voilá!

Un escritorio noviño do trinque, cun consumo menor aos 70 MB de RAM (autor: openSUSO)

9. Neste momento temos un sistema con escritorio plenamente operativo (aínda que non sexa o máis fermoso do mundo) ao cal podemos agregar cantas aplicacións desexarmos. Estas son as que uso eu normalmente (procesador de texto, visor de imaxes e PDFs, ferramenta de copias de seguranza, reprodutores de son e vídeo, gravador de CDs, complementos multimedia para o Firefox, algúns temas para mellorar o aspecto do escritorio etc.):

$ sudo apt-get install –no-install-recommends xubuntu-restricted-extras xfce4-screenshooter gecko-mediaplayer totem-mozilla gthumb libreoffice-writer libreoffice-gtk libreoffice-style-galaxy thunar-archive-plugin thunar-media-tags-plugin galculator ttf-ubuntu-font-family gnome-search-tool bleachbit xfce4-power-manager linux-firmware-nonfree alsa-firmware-loaders ttf-mscorefonts-installer xfburn evince deja-dup flashplugin-downloader xubuntu-artwork gmusicbrowser

10. Para completardes a localización galega de LibreOffice e Firefox, son tamén necesarios estes paquetes:

$ sudo apt-get install libreoffice-l10n-gl libreoffice-help-gl hunspell-gl-es firefox-l10n-gl

AVISO: para que algúns programas funcionen (e.g. Synaptic), talvez debades reiniciar unha vez máis.

Ao final, teremos unha instalación moi pequena e frugal, mais plenamente funcional, isto é, ideal para equipos con pouca potencia, por exemplo os omnipresentes netbooks. Eis algúns datos (aproximados):

No. de paquetes instalados: < 850.

Espazo ocupado polo sistema: < 2 Gb.

Consumo de memoria RAM: < 100 Mb.

Un saúdo.

Apagón na rede

•18/01/2012 • Deixar un comentario

Probablemente moitos de vós xa coñezades a polémica lei estadounidense sobre a internet (a SOPA), que estivo ultimamente a ser debatida e a pouco de ser aprobada.

Basicamente, a SOPA (información en castelán) permitiría ao goberno estadounidense bloquear nos EUA calquera páxina do mundo que a industria de contidos considerase favorable ao que algúns chaman “pirataría” (mesmo páxinas, cómpre aclaralo, cuxa actividade fose declarada legal no seu propio país). Iso afectaría tamén páxinas doutros países aloxadas en servidores dos EUA.

Perante o perigo que isto comporta para as liberdades na rede, moitas empresas decidiron apoiar unha xornada de protestas que fixese chegar o seu rexeitamento aos usuarios (unha lista, bastante longa e en inglés, desas empresas pode ser consultada aquí). Outras, directamente, decidiron apagar as luces das súas páxinas e non darán servizo durante o presente día. Entre elas, a versión orixinal da Wikipedia en inglés, a nosa amada WordPress e OSNews.

En canto algúns pensan apenas nas ganancias, outros pensan (pensamos) que a liberdade e a legalidade internacional son máis importantes.

Haberá reaccións parecidas en España fronte á recentemente aprobada “Ley Sinde”?

Un saúdo.